O Bloque Nacionalista Galego vai trasladar ao Parlamento galego o clamor social contra os proxectos eólicos nas comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño. A fronte nacionalista presentará unha iniciativa na Cámara galega para que a Xunta desbote estes parques, «até sete en tramitación nestes momentos, que se proxectan sobre as serras da Groba, O Galiñeiro, o Monte Aloia e o Monte da Valga».

“Estamos a falar dun conxunto de serras sur occidentais de Galiza que teñen grande valor natural, patrimonial, cultural e social, un auténtico tesouro ambiental”, manifestou durante un acto en Oia o deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, acompañado da tamén deputada Carmela González e de representantes das e dos nacionalistas nos concellos das dúas comarcas afectadas.

Bará asegurou que existe un clamor social na contorna que se opón a estes proxectos eólicos polo seu elevado impacto, como evidencian as numerosas mobilizacións, a recollida de cen mil sinaturas, as miles de alegacións presentadas e o posicionamento unánime dos oito concellos ameazados, de todos os signos políticos.

Por estes motivos, desde o BNG trasladarán a ofensiva social ao Parlamento galego para esixir unha rectificación da Xunta. Bará chamou a frear este modelo “depredador do territorio” que defende o PP e denunciou os “atallos legais” que está a usar o Goberno do Feijóo para favorecer a aprobación dos proxectos, «como a fragmentación de parques que conforman unha unidade co fin de minguar os impactos que reflicten as avaliacións ambientais».

Colonialismo empresarial

«Un espolio, colonialismo empresarial coa connivencia da Xunta. É incompatible para Oia vender natureza e ao mesmo tempo arrasala«, cualificou pola súa parte o portavoz municipal do BNG de Oia, Xosé Antón Rodríguez «Xuster». Desde a fronte nacionalista sinalaron que espazos naturais contan con hábitats de especial interese e protección da biodiversidade, son unha zona de grande riqueza patrimonial e unha das áreas de maior densidade arqueolóxica de toda Galiza, e conforman o ecosistema de 1.500 cabalos do monte, unha raza autóctona.

As nacionalistas cren que a instalación de parques eólicos resultarían críticos para a fauna e o patrimonio destas serras e montes, como así o advertiu tamén o Instituto de Estudos do Territorio nun recente informe sobre o proxecto Alvariño I que prevé varios parques eólicos en concellos do Val Miñor e do Baixo Miño.