O BNG de Gondomar inicia na vindeira semana as mesas parroquiais de debate dentro da campaña a prol do saneamento integral do concello. Nesa posta en común coa veciñanza trasladarán propostas como a implantación dun servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas para as vivendas que non están cubertas pola rede de sumidoiros.

E é que segundo está recollido no borrador do PXOM de Gondomar, hai parroquias nas que a rede municipal de saneamento cobre escasamente o 10% das vivendas e en ningunha pasa do 70%. Esta carencia, e a falla de outras alternativas por parte do goberno local, obriga a manter depósitos cuxas filtracións provocan a contaminación das terras, dos acuíferos e mananciais, e deixa inutilizados os pozos de auga e fontes.

Para concienciar e implicar da veciñanza diante desta situación de emerxencia ambiental e social, o BNG de Gondomar pon en marcha a súa campaña de mesas de debate nas parroquias, de recollida de sinaturas e de elaboración de novas iniciativas sociais e institucionais para esixir do goberno local solucións a curto e medio prazo, ademais dun plan estable de investimentos e accións encamiñados a acadar o saneamento integral do concello. A dúas primeiras mesas parroquias realizaranse antes do nadal e serán oportunamente anunciadas.Nas charlas farase exposición dos planos da rede de saneamento actual de cada parroquia e da información a respecto do número de vivendas que quedan fóra dela.

Propostas do BNG ante a «inacción do goberno de Ferreira»

Como primeira medida, tendo en conta que a rede municipal de saneamento non cubre todo o territorio e que é o concello quen ten a obriga de dar solucións, o BNG propón a implantación dun servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas para atender as necesidades da veciñanza, de centros sociais e pequenos negocios que se vexan afectados pola limitación da rede de saneamento.

As principais vantaxes deste servizo, que estaría subvencionado en parte polo Concello, serían: o correcto traslado e xestión dos residuos; o respecto total ao medio ambiente e á saúde; a facilidade e axilidade do servizo; e por último, unha importante bonificación económica para os veciños e veciñas, con exencións ou redución de tarifas en fogares con dificultades económicas.

Este servizo está funcionando en concellos como Mondariz, Tomiño ou Ponteareas, naquelas parroquias que non están cubertas pola rede de sumidoiros, con moi boa acollida e resultado. No caso de Gondomar, só faltaría a ordenanza, porque o concello xa dispón dun camión cisterna que pode destinar a tal fin.

O BNG volve instar ao goberno municipal a priorizar o servizo de saneamento entre os proxectos que presenta ao Plan Concellos da Deputación. Un plan de axudas económicas cuxo obxectivo principal e buscar o equilibrio territorial, a fin de garantir a implantación e a prestación integral e adecuada dos servizos básicos de competencia municipal en todos os núcleos de poboación, para que haxa as mesmas oportunidades e a seguridade dunha calidade de vida similar, vivan onde vivan as persoas. Mais, dos máis de tres (3)millóns de euros recibidos entre 2015 e 2020 do Plan Concellos da Deputación para investimentos en infraestruturas, o goberno de Ferreira apenas destinou 208.000€ a obras de novo saneamento, algunha aínda se rematar”.

Por outro lado, o BNG de Gondomar vén de presentar novamente, como emenda aos orzamentos da xunta para o 2022, que se debaterán na vindeira semana, a inclusión dunha partida para a continuación das redes parroquiais de saneamento. Aínda que sospeitan que, como en anos anteriores, será rexeitada polo goberno do PP con Feijóo á cabeza.