O Bloque Nacionalista Galego vén de trasladar ao goberno local e ao conxunto da Corporación municipal unha proposta de Regulamento que sirva de base para a constitución do Consello Escolar Municipal de Gondomar.

Logo de acadar, no pleno de febreiro, o voto unánime da corporación a prol da moción que instaba ao goberno local á súa creación á menor brevidade posíbel, e sen ningún avance por parte do goberno, a organización nacionalista achega agora un texto “que permita comezar a traballar na posta en marcha efectiva do Consello sen máis dilación”, explica a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

Con esta proposta o BNG insta ao goberno local a cumprir a lei de consellos escolares de Galiza que recolle que os municipios que dispoñan polo menos de un colexio no seu territorio deberán constituír o Consello Escolar Municipal. A mesma lei que recolle que os Consellos Escolares Municipais están concebidos como peza básica e fundamental de participación democrática da comunidade educativa, que debe procurar a máis extensa participación social, suliñándose a nivel municipal a representatividade dos protagonistas directos da acción educativa, para asegurar a comunicación fluída entre a comunidade educativa e os poderes municipal e galego.

Esa comunicación que non se está a dar no noso concello, tal como expresaron familias, docentes e alumnado na concentración que protagonizaron o pasado xoves diante do Concello”, salienta Rodríguez. Diante desa protesta, para o BNG fica claro que “nin o goberno local nin o da Xunta poden dicir que os centros educativos de Gondomar, desde infantil até secundaria, non están “desatendidos”, cando en todos eles hai necesidade de melloras no mantemento ou conservación das infraestruturas ou dotacións; e, desde logo, nin o goberno municipal nin o da Xunta poden dicir que a comunidade educativa “está ben atendida, cando se están a producir recortes no servizo de comedor, no de transporte, no persoal de conserxería, no corpo docente”, denuncian.

Reiteradamente, tanto a ANPAS como direccións dos centros educativos de Gondomar teñen demandado a constitución do Consello Escolar Municipal como organismo que permita establecer esa necesaria interlocución coa administración e os seus gobernos. “Nesa liña”, explica a voceira do BNG, “e para contribuir a acelerar o proceso de creación do organismo, é que trasladamos esta proposta de regulamento para lle dar impulso”.