O BNG ten contrastado cos condutores de ambulancias e con persoas con mobilidade reducida as deficiencias que presenta a entrada do centro de saúde da Guarda ao carecer de acceso para vehículos.

O portavoz municipal do BNG, Anxo Baz considera que “darlle unha solución ao problema que presenta este acceso é unha cuestión de vontade política. Trátase de que as ambulancias e as persoas con mobilidade reducida teñan a posibilidade de chegar  ata a porta do Centro”.

Anxo Baz, considera que “a obra que compre facer é moi simple e consiste nun acceso para que estes vehículos podan chegar á porta sen necesidade de facer manobras xa que o espazo que hai diante do centro permite facer  unha vía con  entrada e saída”.

Os nacionalistas veñen de presentar esta proposta no Pleno do Concello  para que se tramite diante da Consellaría de Sanidade ao mesmo tempo que van presentar  unha proposta no mesmo sentido no Parlamento Galego.

Anxo Baz rematou concluíndo “resulta  lamentábel que tanto a Xunta de Galiza que está facendo obras no acceso ao Centro de Saúde como o Grupo de Goberno Socialista da Guarda que tivo que dar licenza para a realización destas obras non contemplaran esta intervención”.