O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación de Galicia acaba de distinguir o catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo e investigador de atlanTTic Fernando Pérez cun dos premios Enxeño 2024. Nun acto celebrado na noite do venres en Lugo, o docente recibiu o galardón na categoría de Excelencia na investigación en telecomunicación e transferencia á empresa.

Estes premios recoñecen a traxectoria de profesionais e entidades do mundo das telecomunicacións e outorgáronse no transcurso da quinta edición do V ForoTelecos de Galicia, un evento que segundo o colexio oficial é un bo termómetro para medir os avances, proxectos ye expectativas e facer un breve balance da situación actual que atravesa o sector.

O catedrático da UVigo agradece a distinción e recoñece que “sempre fai ilusión recibir un premio”, pero “aínda máis cando o conceden os profesionais do noso sector, porque eles mellor ca ninguén poden avaliar una traxectoria”. Con todo, como salientaba no seu discurso, “xa me daba por máis que premiado, porque en edicións anteriores acadaron este galardón a empresa Optare e o centro tecnolóxico Gradiant, que axudei a poñer en marcha; así como brillantes ex alumnos como Samuel Fernández Menduiña ou Alfonso Álvarez Villamarín; a empresa Televés, coa que levo colaborando durante máis de 25 anos e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, na que levo máis de 30 anos como docente”.

Xunto con Pérez, foron distinguidos tamén cun premio Enxeño Alberto Prieto, director técnico de Tredess, pola súa traxectoria de innovación e I+D na industria electrónica; María Xosé Miguéns, Grandes contas B2B en R Cable MásOrange pola estratexia comercial e dirección de equipos nas telecomunicacións; Ignacio Otero, subdirector xeral de Enxeñería e Planificación de Radio, TV e Multimedia da Xunta de Galicia, pola traxectoria institucional na administración pública de telecomunicacións; e Iván Castro, CTO en Estrella Galicia, Colexiado do Ano pola transformación tecnolóxica aplicada a grandes empresas.