O ciclo de teatro “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra chega este sábado a Tomiño e Gondomar con dúas funcións con entrada libre ata completar aforo. Ibuprofeno Teatro porá en escena “Smoke on the water” no Auditorio de Goián (Tomiño) ás 18:30 horas e Ártika Cía fará o mesmo con “A Illa da deslembranza” no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar ás 19:00 horas.
“Smoke on the water”, a peza que interpretará Ibuprofeno Teatro no Auditorio Municipal de Goián, en Tomiño, ás 18:30 horas, conta a historia de Ritchie (Blackmore), un home que vive ancorado a música dos anos 70 e en unha tenda de discos e vinilos de colección. Janis (Joplin) xa fai anos que non canta e estuda filosofía na universidade.
O seu matrimonio sobrevive despois de case 25 anos de crise permanente nunha relación de dependencia que se ve ameazada pola aparición de Alex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora. É un enredo amoroso-financeiro co rock como telón de fondo entre un grupo de seres humanos maltratados pola vida que está pensado para un público mozo e adulto.
Pola súa banda “A Illa da deslembranza”, que se poderá ver no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar ás 19:00 horas, trátase dun espectáculo dirixido ao público infantil e familiar. Conta a historia de Uxía, que quere axudar á súa avoa a recuperar os recordos perdidos e todas as historias vividas, e aborda a enfermidade de Alzheimer co obxectivo de axudar a comprender situacións que poden darse nun ambiente familiar.
Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.