A parlamentaria socialista Noelia Otero reclamoulle hoxe á Consellería de Economía e Industria que garanta a actividade e os postos de traballo de Madera Fiber, antiga filial de Faurecia no Porriño, que ven de declarar un concurso de acredores. A responsable socialista mantivo un encontro en Santiago cos traballadores do centro, no que tamén participaron a viceportavoz do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, e o portavoz de Industria, Martín Seco.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que medie coa multinacional Faurecia co obxectivo de que recompre a que no seu día fora a súa filial. «Así o dixo logo de que a Consellería decidira aprazar a pregunta parlamentaria que os socialistas galegos tiñan rexistrada hoxe na Comisión de Industria do Parlamento, deixando aos traballadores e traballadoras sen resposta na Cámara Autonómica», sinala.

Otero reafirmou o apoio absoluto ás demandas da plantilla para reclamar a mediación da conselleira de Economía, Industria e Innovación e que a multinacional auxiliar da automoción volva adquirir Madera Fiber, xa que na actualidade é o seu principal cliente, que absorbe o 85 por cento da produción da planta do Porriño.

Sinalou que “non tería explicación algunha perder novamente actividade industrial, neste caso viable, perder tecido industrial e perder emprego na comarca, deixando na estacada a cen familias de traballadores e traballadoras que tiñan estabilidade, e ademais contan cunha formación altamente especializada”.