Walter Saxer e Bette Gordon alumean a cuarta xornada de Play-Doc. Dous recoñecidos cineastas internacionais son protagonistas da programación do sábado do Festival Internacional de Cine de Tui, na que comparten encontro co público. Na sesión da mañá, Saxer ofreceu unha clase maxistral, acompañado polo crítico cinematográfico José Manuel Sande, sobre a súa experiencia á fronte de producións como Fitzcarraldo ou Aguirre, la cólera de dios, entre outras.
Este sábado pola tarde, Play-Doc pon o foco nunha figura clave da contracultura estadounidense: a realizadora Bette Gordon. A cineasta norteamericana, recoñecida polas recentes The Drowning (2016) ou Handsome Harry (2009), visita este sábado Tui. Na localidade tudense próxectanse, nesta xornada, as súas tres colaboracións xunto ao artista James Benning: Michigan Avenue (1974), I-94 (1974) e The United States of America (1975); ademais da icónica Variety (1980), unha sesión na que Gordon participa tanto na presentación coma na charla posterior con público.
Programación domingo 26
A última xornada de Play-Doc centrará a súa programación, fundamentalmente, no cinema galego. O domingo comezará coa última sesión de proxección da sección competitiva Galicia, na que se poderán ver, no Teatro Municipal de Tui, Augas abisais, de Xacio Baño, Os corpos, de Eloy Domínguez Serén, Tengan cuidado ahí afuera, de Alberto Gracia, e A comuñón da miña prima Andrea, de Brandán Cerviño.
No mesmo recinto cultural, ás 18.30 horas, terá lugar unha das sesións máis especiais desta edición: a homenaxe que o certame rende ao director e guionista tudense Daniel Domínguez, unha das figuras clave do audiovisual galego das últimas décadas. Impulsor da Escola de Imaxe e Son, autor de numerosas series de televisión e películas, crítico cinematográfico e grande amigo do festival, Domínguez faleceu o pasado 2020. Cineastas de Galicia como Pepe Coira ou Sandra Sánchez, ou o fundador, con Domínguez, da Escola de Imaxe e Son, Manolo González, asistirán a un encontro especial no que se proxectará Río de sombras, película filmada por Daniel Domínguez en Tui no ano 1986.
Entrega de premios
O acto central da xornada será o anuncio do palmarés da 17ª edición de Play-Doc. Ás 20.30 horas, tamén no Teatro Municipal de Tui, terá lugar a cerimonia de entrega de premios das películas gañadoras das seccións longametraxes, cortometraxes e Galicia. As películas gañadoras proxectaranse a partir das 21.30 horas pero, antes, como broche dourado á gala de peche, Play-Doc estreará en Galicia o documental No somos nada, de Javier Corcuera, sobre a última xira da mítica banda punk La Polla Records, cuxo cantante, Evaristo Páramos, é tudense.