Nas pasadas semanas o equipo redactor do Proxecto de Camiños Escolares Seguros na Guarda, ven de avanzar para que o mesmo estea en funcionamento xa no vindeiro ano lectivo.

O Proxecto xurde ante a necesidade dun cambio de paradigma na maneira de moverse nas cidades e vilas, mellorando a seguridade vial, establecendo rutas seguras ou «SafeRoutestoSchool», para que os nenos realicen os seus desprazamentos entre os seus fogares e os seus centros de ensino con total seguridade.

As ideas do pedagogo italiano Francesco Tonucci marcan un novo rumbo para os proxectos de camiños escolares, cun novo concepto de cidade, propiciando a autonomía infantil.

Segundo se desprende do segundo informe, no que se recollen varias actividades realizadas tendo como base a mobilidade do alumnado do CEIP Manuel Rodríguez Sinde, se conclúe que o vial de acceso máis empregado neste centro educativo da Guarda é a Rúa Tui, tanto a pé coma en vehículos, sendo as rúas Coruña e Ourense e Avda. Galicia e Domínguez Fontenla nas que conflúen os fluxos de mobilidade das persoas en segunda orden en importancia.

Deste xeito logrouse ter unha visión concreta dos percorridos realizados día a día polas familias e alumnos, con datos altamente fidedignos. Neste senso a través de cuestionarios realizados ás familias logrouse determinar que unha das maiores preocupacións dos pais e nais dos alumnos é o tráfico e a seguridade, indicando que o aumento do número de vehículos provoca unha maior inseguridade.

Os alumnos traballaron en varias sesións informativas, ao igual que os seus pais, nais e titores, onde se realizaron varias enquisas, debates para obter o máximo de información para a elaboración deste proxecto.

De todas as actividades realizadas se propón un trazado como «Camiño Escolar Seguro» nun total de 730m de viais, nas rúas Brasilino Álvarez, Enrique Mª Sesto, Carretera de Circunvalación, Rúa Tui e Rúa Ourense.