O Concello da Guarda, aprobou por unanimidade a moción presentada polo BNG para rexeitar o modelo eólico da Xunta de Galicia. «No texto da moción afírmase que a expansión eólica sen precedentes que se está levando a cabo, faise sen control público e sen respecto polo noso patrimonio e medio natural. Incide ademais, que en moitos casos lévase adiante a través dunha fraudulenta fragmentación dos proxectos en proxectos máis pequenos para ocultar o seu verdadeiro impacto«, sinalan os nacionalistas.

O Concelleiro do BNG, Xosé Manuel Méndez, encargado de defender a proposta, nun momento da súa intervención afirmou que “este modelo non está feito para beneficiar as comunidades de montes, nin aos Concellos, nin para industrializar este país, nin para baixarnos o recibo da luz aos galegos, está feito para que unha vez máis poñamos o noso territorio ao servizo das grandes eléctricas, que ven na enerxía verde un grandísimo negocio para seguir sumando dividendos”.

O acordo plenario recolle que se debe aprobar un novo plan sectorial eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados (asociacións agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación e comunidades de montes).

Esixe tamén que as novas instalacións se vinculen a proxectos industrias que xeren riqueza e emprego no país. Defende, así mesmo, o incremento da vixilancia medioambiental para evitar as afectacións negativas ao patrimonio natural e a biodiversidade.

Destaca ademais a necesidade de impulsar as medidas que garantan a socialización dos beneficios apostando pola constitución dunha empresa pública galega de enerxía que fomente a participación da Xunta e dos concellos galegos, así como dos propietarios das terras e comunidades de montes para que a riqueza que produce reverta no noso país.