O Concello de Gondomar celebra un “Encontro” coas empresas do municipio

Dende o Concello de Gondomar, en nome do seu Alcalde, Paco Ferreira, queren dar o seu máis sincero agradecemento ás empresas que este martes nos acompañaron, xa que nestas datas tan complicadas, e a piques de rematar o ano, puideron roubar un pouco de tempo do seu traballo, para vir a participar deste encontro co emprego.

A través deste Encontro con Empresas o Concello de Gondomar pretende propiciar que as persoas que se atopan inmersas nun proceso de procura de novas oportunidades laborais, poidan establecer un contacto directo con empresas do entorno que ademais de ter un gran peso a nivel de facturación, tamén o teñen a nivel de contratación, pero sobre todo son empresas que demostran a súa calidade a través do compromiso coa sociedade, entendendo que esta é unha das principais razóns para que estean hoxe aquí connosco.

No momento de grandes cambios no que nos atopamos no que semella que se está a producir unha reactivación da economía, consideramos importante favorecer este tipo de actuacións que faciliten ás persoas en procura de emprego, non só a posibilidade de establecer un contacto coa rede empresarial, senón tamén promover que adquiran habilidades que lles podan servir de base no futuro, en próximas entrevistas e procesos de selección.

Cada vez máis os procesos de procura de emprego deben ser procesos dinámicos nos que as persoas que buscan traballo se impliquen activamente, e non se limiten a levar a cabo unha busca pasiva na que se queden esperando a recibir unha chamada, xa non da os resultados esperados.

Poderíamos dicir que un buscador activo de emprego comeza por facer un proceso de autoanálise, esfórzase por coñecer os seus puntos fortes e febles para potenciar os primeiros e mellorar os segundos; ten claro cales son os seus obxectivos profesionais e preocupase de establecer unha estratexia para alcanzalos; adapta o seu currículum en función das ofertas e empresas ás que o envía e fai un seguimento de todo o proceso; tamén entende que a formación continua é algo imprescindible para atopar traballo e posteriormente promocionar; inviste tempo e esforzo en traballar a súa rede de contactos, e outras accións que sen dúbida o conducirán ao éxito.

O Concello de Gondomar seguirá nesta liña de activación e promoción do emprego levando adiante novos encontros coas empresas, xunto con outras medidas activas dirixidas a desempregados do noso municipio.