BNG

Nun comunicado de prensa, a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez, asegura que O Concello de Gondomar multou con 600€ ao BNG por unha campaña a prol da seguridade viaria no concello. «Como continuidade á apertura de expediente, o goberno local impón esa sanción ao Bloque como represalia pola colocación duns carteis que visibilizaban problemas para a mobilidade en distintas estradas e que sinalaban a administración responsábel de cada unha delas, Concello, Deputación ou Xunta«, indica.

“Ferreira utiliza a vía da sanción económica para tratar de tapar a boca á quen lle planta cara, como medida represora”, indica a voceira nacionalista Manuela Rodríguez. “Manda unha mensaxe clara, ‘se criticas, pagas’, moi acorde co seu perfil intolerante e prepotente. Nada novo en Gondomar”, lamenta.

Para a organización nacionalista é moi chamativa a axilidade da administración local para a tramitación dun expediente ao Bloque, cando non é tan rápida para resolver ningún dos problemas que denunciaba a campaña sancionada. “Nin solucionaron os propios do Concello nin instaron a solventar os que dependen doutras administracións”, salientan.

Así, poñen como exemplo os pasos de peóns do centro de Vincios que, segundo indica Rodríguez, seguen a ser igual de inseguros que cando o BNG puxo a cartelaría a mediados de outubro. “Sen elevar, sen iluminar, sen semáforos, coa pintura esvaída, nunha travesía urbana sen límite de velocidade axeitado e cun fluxo de tráfico elevadísimo”, denuncia.

Alí fomos o BNG, desta vez cos carteis enriba de nós, iso si”, para volver denunciar a situación no momento do día en que o perigo é maior, a primeiras horas da mañá dun día laborable, cando o tráfico é máis denso, a falla de luz non axuda e os movementos a pé na parroquia son máis elevados. “E seguiremos a denunciar noutros puntos do concello, desta e doutras maneiras, imaxinación non falta”.

A resolución do expediente que impón a multa recolle que non se aplican circunstancias atenuantes porque non consta ‘arrepentimento’, un concepto que desde o BNG consideran máis propio doutras instancias. E, nese sentido, a portavoz nacionalista trasládalle a Ferreira que efectivamente, non, “que o BNG non se arrepinte de denunciar, de criticar, de defender o que considera ‘xusto e necesario’, a pesar do ‘castigo’ do alcalde”.