O Concello de Oia promove a difusión de historias, tradicións e gastronomía local a través dun vídeo de cociña interxeracional, onde se pode ver a veciños e veciñas de distintas idades preparando receitas típicas da zona. O traballo será presentado o día 23 de decembro, dentro da Semana Cultural de Mougás.

O audiovisual reúne a persoas de diferentes xeracións ás que lles gusta a cociña e estiveron dispostas a compartir os seus coñecementos. Ademais dos temas culinarios, nas conversas afloran outros temas como son as vivencias de cada un, historias, tradicións e costumes locais.

Os diferentes relatos están contados polos seus propios protagonistas en lingua galega, cunha linguaxe próxima e coloquial e coas variantes propias da zona. Deste xeito, ao mesmo tempo que se pon en valor o patrimonio cultural local, tamén se promociona a lingua galega.

Esta iniciativa supuxo un investimento total de 2.420 euros, dos cales 1.447 euros corresponden a unha subvención da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia para a promoción do uso da lingua galega.

Estrea na Semana Cultural de Mougás

O vídeo de cociña interxeracional estrearase o próximo luns 23 de decembro ás 18.00 horas na Casa Cultural de Mougás, dentro da programación da Semana Cultural que organiza a Asociación de Veciños entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro.

Ademais, o luns 30 de decembro (18.00 horas, Casa Cultural de Mougás) proxectarase outro audiovisual do Concello de Oia, neste caso o documental “Lembranzas doutro tempo”. Este vídeo, segunda parte do traballo “Memorias de Oia”, recompila varios testemuños vitais entre a veciñanza oiense: historias, recordos, anécdotas e costumes que se poñen en valor a través do relato dos seus propios protagonistas.

Proxecto #Oiaensepia

Tamén dentro da Semana Cultural de Mougás, a partir do luns poderá visitarse a exposición de fotografías do obradoiro xuvenil #Oiaensepia, organizado polo Concello durante o pasado verán e no que participaron 15 mozos e mozas de diferentes parroquias de Oia.

A mostra inclúe unha selección de imaxes antigas de Oia, que foron recompiladas polos propios participantes no obradoiro, así como outras fotografías feitas polo alumnado durante unha saída de campo organizada o pasado mes de xullo.