O Concello de Oia vén de acometer as obras de reforma e mellora da accesibilidade do local das antigas Escolas de Loureza, unha actuación desenvolvida ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

As obras consistiron na unificación, nun só local, dos dous edificios de escolas existentes. Así, tiráronse paneis, reforzouse a estrutura e fixéronse unha serie de melloras como a instalación dunha nova rampla e escaleiras de acceso, a construción de aseos novos e a renovación das instalacións de fontanería, saneamento, ventilación e electricidade.

Con estes traballos de mantemento e mellora de accesibilidade das antigas Escolas de Loureza desaparecen os problemas de conservación que presentaba este inmoble, quedando totalmente habilitado para o seu uso cotiá. Actualmente, estas instalacións de titularidade municipal empréganse para o desenvolvemento de actividades socioculturais como poden ser obradoiros, charlas, accións formativas, etc.

O importe das obras ascendeu a 48.356,42 euros, aos que hai que engadir a custo da redacción do proxecto. Ambas cantidades foron subvencionadas ao 100% pola Deputación Provincial ao abeiro do Plan Concellos liña 1, investimentos.

Outras actuacións do Plan Concellos

Por outra banda, o Concello de Oia rematou outras tres actuacións en diversos puntos do municipio, todas elas subvencionadas ao 100% ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos.

Entre elas destaca o acondicionamento e rehabilitación do lavadoiro da Portela (Burgueira), obras que supuxeron un importe de 33.550,69 euros. A actuación consistiu na limpeza da área de intervención, a construción dun acceso peonil, a instalación do pavimento, traballos de recondución da auga e a cubrición do lavadoiro.

Tamén se executaron traballos de acondicionamento no acceso á fonte do Xardín (Viladesuso), cuxo firme era de terra. Neste caso o importe das obras ascendeu a 25.432,93 euros.

Finalmente, investíronse 14.744 euros na finalización de instalación de leds en parte da parroquia de Mougás, substituíndo as antigas lámpadas do sistema de iluminación pública por unas novas que permitan aforros enerxéticos.