O Goberno de Tomiño, ante as declaración feitas públicas polo Partido Popular de Tomiño, sobre as “supostas” molestias causadas ao alumnado do CEIP de Goián, quere esclarecer o seguinte:

  • Respecto á denuncia da falla de planificación á que alude, queremos lembrarlle ao Partido Popular de Tomiño que, como eles saben, todas as actuacións de rexeneración urbana do centro de Goián, estanse a desenvolver segundo a Modificación Puntual Nº8 do PXOM de “Reconfiguración de espazos públicos e usos do núcleo de Goián”, iniciada a comezos de 2015 e que foi aprobada definitivamente pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galiza, o 5/12/17 e publicada no DOG o 12/2/18. Polo tanto, é incoherente falar de planificación cando se leva máis de dous anos, tramitando o proxecto en distintos organismos, e levándoo a pleno alo menos en dúas ocasións.
  • Na súa tramitación, contouse coa opinión do secretario xeral da Consellaría de Educación, entre outros organismos sectoriais, que avalaron a súa aprobación definitiva. O Partido Popular nas dúas aprobacións plenarias que tiveron lugar na tramitación da modificación, non se opuxo e deu a súa conformidade.
  • O proxecto de obras de «Mellora da accesibilidade da alameda de Goián fase II» foi aprobado e tramitado segundo todos os informes técnicos, e tamén foi aprobada a subvención da Deputación de Pontevedra de 430.000€, en decembro do ano pasado. Descoñecemos que o Partido Popular tivera algunha obxección ao respecto, toda vez que xa lle foi presentado nunha reunión a comezos do ano 2018 e na que, por certo, non manifestaron oposición ningunha.
  • Os proxectos de obras no entorno do colexio de Goián foron presentados e debatidos en diversas reunións coa Xefatura Territorial de Educación, Inspección Educativa e Dirección do Centro. En todas as reunións, mantívose un ton de colaboración institucional, de cara ao avance e mellora das instalacións educativas de Goián que vai supoñer esta transformación urbana.
  • Antes do inicio das obras, a concelleira de Educación de Tomiño, Cristina Martínez, máis o tenente de alcalde Uxio Benítez e os técnicos da dirección de obra e empresa adxudicataria, mantiveron unha reunión coa directora do centro (e concelleira do PSG-PSOE), para planificar a obra coa menor afección posible ao uso escolar. En ningún momento plantexouse ningunha das cuestións que o PP argumenta.
  • O goberno local lamenta as posibles molestias ocasionadas polas obras e informa que serán so unhas semanas. Porén, lembra que o ideal, sería que se constrúa un pavillón deportivo para o colexio, sen que o alumnado teña que empregar o municipal. Neste senso, lévase décadas reivindicando unha instalación deportiva dentro do centro, sen que a Consellería de Educación fixera nada. Polo mesmo, se o Partido Popular está tan preocupado polo acceso do alumnado ao pavillón, pregamos que se dirixa á Xunta e atenda as demandas continuas da comunidade escolar de Goián para que se habilite un ximnasio no propio centro, e así os nenos e nenas non teñan que facer ese itinerario de 200 metros.
  • Os proxectos de obras que se están a acometer este ano e os que se acometerán durante o próximo, englobados dentro da planificación estratéxica “Máis Goián”, alén de significar unha reestruturación do espazo público do centro da parroquia, van supoñer unha mellora importante para o colexio de Goián, que ampliará en 600 metros a súa superficie edificable (incorporarase unha parcela de 1000m, con area e xogos de uso compartido; acondicionaranse 400m para dispoñer na mesma cota que o actual patio, e crearanse unhas instalacións deportivas de uso escolar preferente).
  • Até o de agora, o colexio de Goián non tiña terreos para a súa ampliación ou para a construción dun ximnasio. Con esta modificación, vai ser posible. Agardamos que o PP de Tomiño poña a mesma preocupación por conseguilo, xa que é unha loita de décadas dos pais e nais do alumnado do centro. O Concello xa conseguiu poñer a disposición novos terreos; agora agardamos que o PP, na Xunta, consolide o proxecto de mellora.