O Concello do Rosal acaba de ser proclamado o gañador dos premios Galicia Parabéns convocados pola Axencia de Turismo de Galicia para distinguir as mellores iniciativas de embelecemento e recuperación do noso territorio.
O proxecto “Acondicionamento do Camiño de Santiago» e da «Explanada do horizonte no lugar de Portecelo”, redactado pola rosaleira María Fandiño Iglesias, foi o proxecto mellor valorado polo xurado, acadando un premio de 400.000€.
Con esta actuación, que se iniciará proximamente, preténdese a revalorización e mellora paisaxística do tramo do Camiño de Santiago Portugués pola Costa, a creación dunha zona de descanso en Portecelo e a creación do Miradoiro do Horizonte, con espazos de ocio para os veciños e visitantes.
Recupérase a ladeira natural, modificado polo recheo colocado sobre a pedra natural, restablecendo o perfil orixinal desta zona e mellorando a súa calidade paisaxística, incorporando especies forestais autóctonas para enriquecer o seu valor natural.
Este proxecto é unha mostra do compromiso do Concello do Rosal de preservar os elementos paisaxísticos e o patrimonio cultural e natural de Portecelo como elementos clave da nosa identidade ademais de ser recursos turísticos de valor incalculable.
O equipo de goberno quere mostrar un agradecemento especial a todas as persoas implicadas en que este proxecto se faga realidade, en especial á veciñanza de Portecelo e á Comunidade de Montes do Rosal, sen a súa colaboración e interese este proxecto non sería posible.