Concello do Rosal participa dende fai algo máis dun ano no programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra, que busca reducir os residuos domésticos impulsando a compostaxe. No marco deste programa o Concello instalou o seu primeiro composteiro comunitario o pasado mes de xuño, e agora é o momento de recoller os froitos dese traballo.

O compost obtido será repartido os veciños rosaleiros interesados, nunha xornada que terá lugar o vindeiro mércores 26 de febreiro en dúas quendas: unha ás 11:00 horas e outra ás 17:00 horas. Nesta visita, ademais do reparto do compost, o Mestre Composteiro amosará o funcionamento dos diferentes módulos do composteiro e resolverá ás dúbidas das persoas asistentes.

Dende o Concello do Rosal consideran que o impulso da compostaxe “é unha prioridade e unha iniciativa fundamental cara a un futuro máis sostible, onde todos temos que por da nosa parte para reducir o impacto que temos no medio ambiente”, segundo as palabras da súa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Dende o Concello convidan a calquera persoa interesada do municipio a asistir a estas visitas, que terán lugar no propio composteiro, asentado na Rúa Manuel Suárez Marquier. Non é preciso inscrición previa.