Logo da reunión mantida na mañá do 10 de maio entre o Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, a Alcaldesa do Rosal, Mª Carmen Alonso Alonso, e o inspector da zona Carlos Acuña no Edificio Administrativo de Vigo, pode adiantarse que no vindeiro curso académico 2019/2020, o CPI Suárez Marquier contará con servizo de comedor e aula matinal.

No recinto escolar non existen instalacións que poidan albergar un comedor, polo que proponse como mellor opción empregar a nave obradoiro colindante, propiedade do concello, para levar a cabo esta iniciativa. Para tal fin, é preciso adecuar o edificio á normativa vixente en materia de comedores escolares, polo que o concello do Rosal asumirá o proxecto de mellora, as obras e os materiais precisos, e a consellería comprometeuse a asinar un convenio no que se recollan as súas competencias.

A aula matinal é outro dos proxectos que se levarán a cabo nestas instalacións. As aulas matinais ou aulas madrugas, son espazos nos que as familias poden deixar aos seus fillos e fillas antes do inicio do horario escolar.

Estas iniciativas xurden despois de varios anos perseguindo este proxecto. Tanto a ANPA, o centro educativo, como o propio concello no seu compromiso por facilitar ás familias rosaleiras a posibilidade de conciliar a súa vida familiar, laboral e persoal, por fin acadou a autorización da administración para poder levar a cabo este proxecto.