No BNG de Oia levamos tempo traballando na mellora da situación na que se atopa a sanidade no noso municipio. Un traballo serio, baseado na denuncia, na información aos veciños/as e nas propostas. Dende o inicio da lexislatura tivemos claro cales eran as nosas prioridades de traballo que non son outras que as da veciñanza; como dicimos dende o BNG: “sen saúde non hai felicidade”.

O mércores 30 visitounos o noso deputado no parlamento galego Manu Lourenzo, responsable da área sanitaria, para recoller datos do que está acontecendo no noso centro de saúde, e para informar ao numeroso grupo de veciñas/os das medidas a tomar; unha delas, vai ser trasladar ao parlamento galego a situación precaria que padecemos no centro coas dúas médicas de baixa e o servizo de pediatría recortado en máis dun 50%.

Para que non haxa dúbidas do noso compromiso facemos unha cronoloxía resumida do noso traballo dende que comezou a lexislatura neste tema:

1- Cando ningún grupo no concello  falaba da situación da sanidade en Oia e menos de Galicia, o BNG o 30/01/2020 presentou unha moción “para a mellora da sanidade pública” onde xa se mencionaban os recortes de recursos e orzamentos, desmantelamento de hospitais comarcais, abandono dos centros de atención primaria, ocultación de listas de agarda, precarización do persoal, recorte de camas, derivación a centros privados etc. O PP votou en contra, xa estaría con outras cousas máis importantes como o escudo ou a felicidade dalgún.

2- O 26/11/2020, presentamos unha moción para o “restabelecemento do servizo de pediatría.”

3- Dous meses despois, o 28/01/2021, preguntamos en pleno como estaba o asunto da moción aprobada para restabelecer o servizo de pediatría. A resposta da alcaldesa foi “non falei con ninguén responsable de sanidade”.

4- Entre marzo e abril de 2021 iniciamos unha campaña de denuncia sobre o incumprimento da moción coa colocación dunha faixa diante do centro de saúde e recollida de sinaturas. Ao pouco tempo mandaron unha pediatra, iso si, de oito días ao mes que consultaba antes non chega a catro actualmente. Sabemos que foi un parche para salvarlle a faciana a alcaldesa; por ese mesmo motivo seguiremos loitando na defensa dos dereitos de tódolos veciños/as.

Queremos informar tamén que estamos preparando novas accións coas que convidamos a toda veciñanza a participar, porque en algo tan importante como a saúde no BNG “váisenos a vida”. Coa saúde non se xoga. Sen saúde non hai felicidade. Os recortes matan.