O Espazo Xove de Tui acollerá a exposición de fotografía “ZOOM: do individuo á paisaxe”, do 26 de decembro ao 7 de xaneiro. A exposición constará de dúas partes que se sucederán cronoloxicamente: unha primeira do 26 ao 7, e unha segunda do 7 ao 17.

A mostra recollerá as obras de artistas emerxentes da facultade de Belas Artes. Así, poderemos atopar fotografías de Anubis Muñoz, Ricardo Lede, Luzía Rúa, Emma Sotelo, Cristina Chiarroni, Emma Diarte, Sara Maneiro e Cora Novoa. Ademais, os comisarios organizadores de toda a exposición tamén serán alumnos da propia facultade (Sabela Rodrigues, Carla Rodríguez, Beatriz Paniagua e Samuel Rodríguez).

“ZOOM: do individuo á paisaxe” tratará o tema do corpo humano dende un novo punto de vista. No primeiro volume ofrecerase unha visión xeral do corpo e do individuo. No segundo, pola contra, poderemos atopar o corpo aumentado, descontextualizado. Así, a exposición propón un achegamento ás paisaxes e poéticas do corpo, mediante as súas formas e texturas. Trátase, en definitiva, dunha aproximación ao impersoal e trascendental.

A inauguración terá lugar o vindeiro día 26 ás 19.00 horas no Espazo Xove de Tui, e a exposición poderá visitarse ata o día 7, de luns a venres de 10:30 a 13:30 e de 16:30 a 20:30 (entrada de balde).