Finalizando a programación cultural do mes de setembro o concello de Tomiño acolle da man da Deputación de Pontevedra “A Música da Auga, Contos e Cantos do Río Miño”.
Trátase dun espectáculo ao aire libre que terá lugar mañá, 29 de setembro. Ás 11.30 horas sairá da praza do Seixo un pasarrúas e, media hora máis tarde, ás 12.00 horas haberá unha actuación no mercado municipal. A actividade, cunha duración total dunha hora, está dirixida a todos os públicos.
A través da música e da narración un pescador de cantigas (Servando Barreiro) e un home-peixe, un xacio do Miño (Anxo Moure), levan dende o mes de xullo percorrendo a bordo dunha réplica rodante da gamela guardesa (última barca tradicional do río) os concellos das ribeiras miñotas na provincia de Pontevedra para divulgar a súa riqueza fluvial e cultural.
Moure e Barreiro protagonizarán un pasarrúas musical coa gamela guardesa, na que poderán viaxar catro nenas e nenos, e ofrecerán unha sesión de contos e cantigas baseadas no libro “A música da auga”. Con ela divulgarán a riqueza fluvial e cultural da provincia, sensibilizando sobre o coidado dos leitos fluviais e dando a coñecer a xeografía do Miño e o seu patrimonio lingüístico, etnográfico e mitolóxico cos nomes dos peixes, das árbores de ribeira, das embarcacións tradicionais, das artes da pesca e da propia toponimia. Ademais, terá lugar unha exposición de maquetas tradicionais do río Miño na que se poderán ver exemplos de batuxo, barca da pousa, barca das dornas, batela, carocho e gamela.
Anxo Moure é un escritor e contacontos que leva toda a vida vinculado e traballando a favor do rural, a natureza, o coidado dos montes e concienciando especialmente aos máis pequenos sobre a importancia do contacto coa terra. Pola súa banda, Servando Barreiro é un músico e narrador que colabora habitualmente con Anxo Moure e que nesta actividade encárgase de poñer o toque musical acompañado polo seu acordeón.