O Festival de Cans presentou hoxe na sala Riquela Club de Santiago a súa imaxe gráfica para a edición XXI do certame, que terá lugar entre o 21 e 25 de maio. A imaxe do festival para este ano foi deseñada por Pablo Rodríguez, do equipo de Rei Zentolo.
A presentación de hoxe asistiron a presidenta da Asociación Arela de Cans, Keka Losada, a señora Alicia, veciña de Cans, e o deseñador de Rei Zentolo, Pablo Rodríguez e o director do festival, Alfonso Pato. Tamén asistiu a actriz Sara Casasnovas, que nesta edición presentará na sección «A que andas», o proxecto do filme «Alevosía», que será o seu debú na longametraxe.
Durante a presentación anunciáronse algúns dos contidos do festival deste ano que contará cunha retrospectiva internacional dedicada a prestixiosa produtora francesa Société Acéphale, que toma o seu nome da revista de filosofía radical de Georges Bataille e foi fundada en 2015 por Lorenzo Bianchi e Anthony Lapia, estudantes da Universidade Paris 8.
Pablo Rodríguez, deseñador de Rei Zentolo, explicou que para a realización da imaxe gráfica do festival inspirouse nos elementos máis característicos do evento como son o Torreiro das Estrelas, os chimpíns, o Can ou o galiñeiro. Ademais, faise unha referencia ao símbolo da paz «tan necesario, por desgraza, nestes días de guerra en lugares como Ucraína ou Gaza» e a estética está inspirada nas cerámicas de Sargadelos «que sempre foi unha empresa de referencia para Rei Zentolo».
Pola súa banda, o director do festival, Alfonso Pato, explicou que un dos puntos fortes desta edición será a retrospectiva dedicada á produtora francesa Société Acéphale, coa estrea de curtas e longametraxes en Cans e a presenza de distintos directores e produtores vinculados a Acéphale que virán a Cans e participarán en diversos encontros co público e con realizadores galegos. Tamén destacou que este ano houbo un récord de curtas presentadas a concurso, con máis de 250, e que entre as actividades do festival desta edición haberá unha homenaxe ao músico vasco Kepa Junquera no galiñeiro que levará o nome deste artista que tivo una actuación histórica en Cans hai dez anos.
A señora Alicia explicou que ten moitas ganas de asistir ao festival este ano para ver aos seus amigos e os organizadores do festival indicaron que farán todo o posible para facer realidade o seu sono. Sara Casasnovas anunciou que en Cans poderá verse por primeira vez o teaser da súa futura longametraxe Alevosía, un ambicioso proxecto híbrido entre ficción e documental, baseado nunha historia persoal e que será «unha mistura entre Frankenstein e Cabaret».
A retrospectiva sobre as producións de Société Acéphale, a máis ambiciosa da historia de Cans, terá unhas sesións previas ao inicio do festival que se celebrarán o xoves 16 e o sábado 18 de maio no Centro Cultural do Porriño, onde se proxectarán dúas longametraxes da productora. Xa durante o festival haberá diversas sesións de proxeccións das curtas realizadas pola produtora francesa e charlas e coloquios con destacados representantes de Acéphale.
Société Acéphale é unha das produtoras francesas con maior proxección internacional, con presencia nos festivais máis importantes, e curtas e longas premiadas nos certames cinematográficos de maior prestixio. A retrospectivaque poderá verse en Cans e a primeira que se celebra en España e no mundo e inclúe unha selección de obras en formato curto e longo de diversos xéneros e estilos. Ficción, documental de creación e cinema experimental son algún dos exemplos desta cinematografía caracterizada por unha estética poderosa e unha forte compoñente política.