Ballet Argentino Calden Gaucho

O folclore de Xapón, da República de Buriatia, de Colombia e de Arxentina encherá mañá martes, 24 de xullo, ás 21.30 horas o Parque do Laxal en Rebordáns, na XIX Noite Internacional do Miño, organizada pola Escola de Baile e Música San Fins.

Participará o grupo Saiki do Xapón fundado en 1992, que achegará unha mostra da cultura tradicional xaponesa na que integran o tambor xaponés, o wadaiko, dándolle un sentido actual e xuvenil. O grupo Razdolie da República de Buriatia conta no seu repertorio con danzas folclóricas de diferentes rexións e etnias de Rusia. O corido e as acrobacias son elementos característicos da súa posta en escena.

Os sons latinos estarán presentes tamén nesta XIX Noite Internacional do Miño coa Compañía Artística Danzar Colombia que recolle no seu repertorio danzas de distintas zonas coma Opita, Costa Atlántica, Nariñense e zonas indíxenas. Por último actuará o Ballet Arxentino Calden Gaucho, galardoado en 2015 co premio Cheodan Mundial da Danza en Corea, e que presenta danzas de todo o país nun espectáculo co que buscan amosar a súa cultura internacionalmente.