O vindeiro mércores, ás 21:00 horas, o Auditorio de San Bieito de A Guarda acolle o espectáculo «SAAABOR», da man da Axencia Galega de Industrias Culturais AGADIC e enmarcado no programa Cultura no Camiño 2018.
«SAAABOR» é un espectáculo dirixido por Avelino González e adaptado por Non que conta entre o seu elenco de artistas con Félix Rodríguez e Fran Rei, membros de Culturactiva SCG, unha proposta para todos os públicos que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo.
Os protagonistas do espectáculo convértense en dous recoñecidos chefs que ofrecen pratos para todos os gustos: desde a comida máis práctica e sinxela, ata a máis elaborada, sen esquecer o viño e a sobremesa, elaborando un saboroso menú para toda a familia.
Félix Rodríguez é un actor e músico cunha ampla traxectoria escénica en compañías como Odaiko, Píscore e Trío Refugallo, que nesta ocasión se complementa perfectamente con Fran Rei, cómico que ten participado en máis de 20 montaxes con compañías como Os Sete Magníficos máis Un, Pallasos en Rebeldía ou Acontrabutaca.
Xuntos crearon este espectáculo, unha receita chea de sabor que fará as delicias dos padais máis esixentes, dende o Concello da Guarda convídase á cidadanía a asistir e a participar neste singular evento.