O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e tamén alcalde de Nigrán, Juan González, áchase desde o pasado luns e ata mañá xoves en Mozambique acompañado de persoal técnico para supervisar os proxectos que a entidade está apoiando na zona e establecer futuras liñas de colaboración.
A delegación mantivo diversos encontros institucionais na capital antes de desprazarse ao distrito de Boane para coñecer de primeira man o traballo da Fundação Encontro, un dos principais parceiros da asociación de concellos e deputación no país lusófono que atende á poboación vulnerable.
Alí entrevistáronse co grupo de activistas que se encarga de dinamizar os proxectos e asistiron aos adestramentos da iniciativa que cofinancia o Fondo Galego para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte. «Reducir os factores de risco que poden levar á xente nova a contraer adiccións, doenzas ou embarazos precoces é o obxectivo deste proxecto, así coma ofrecer alternativas de lecer a través do atletismo ou fútbol», explica González, quen ademais entregou 40 mochilas, 40 equipaxes deportivos e 40 balóns de fútbol proporcionados por Aqualia. Tamén visitaron a Casa do Gaiato, organización “nai” da Fundação Encontro, e o seu centro de acollida de menores, que con escasos recurso atende na actualidade a 180 nenos. Ambas as dúas entidades apostan pola formación en orixe e desde a base, ofrecendo alternativas para que a xente nova non se vexa obrigada a emigrar.
A comitiva do Fondo Galego percorre esta mañá distintos centros educativos da man da ONGD Adane-Mozambique en Maputo, onde se reuniu asemade co alcalde da cidade, con representantes do Plan das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid) e da Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos, socia clave no país africano coa que a secretaria do Fondo Galego, Andrea García, viaxará esta tarde á vila de Nhamayábue. Nestas recepcións institucionais Juan González entregou como agasallos botellas de viño doadas por Adegas Val Miñor.
A secretaria do Fondo, Andrea García, terá ocasión de visitar o proxecto para a construción de pozos na aldea de Mutarara Velha, cuxo primeiro obxectivo é evitar as mortes que se producen polos ataques de hipopótamos e crocodilos cando a poboación se achega á beira do río Zambeze para abastecerse de auga, unha tarefa realizada principalmente polas mulleres.