A fotógrafa tomiñesa Pily Reñones foi recibida onte no Salón de Plenos, polo equipo de goberno de Tomiño, presidido pola alcaldesa Sandra González. Deste xeito, o equipo de goberno quixo ter un xesto de recoñecemento á fotógrafa, recentemente nomeada aos premios Goya de fotografía (que concede a Asociación de fotógrafos profesionais de Zaragoza), pola súa instantánea “Holanda”, na que retrata a unha ancián de Riós (Ourense).

Nun acto emotivo e íntimo, Reñones, acompañada por familiares e amigos, agasallou ao Concello cunha copia enmarcada da súa fotografía nomeada. A alcaldesa, pola súa banda, fixo entrega á artista dunha peza de Sargadelos coa figura de Rosalía de Castro.

Sandra González, agradeceu o agasallo e felicitou á fotógrafa polo seu traballo relacionado coa visibilización da muller; “un tema co que estamos moi sensibilizados neste goberno, en aras de conseguir unha maior igualdade e poder das mulleres na nosa sociedade”.

Pily Reñones expresouse longamente e moi emocionada para agradecer o recoñecemento do Concello, familiares, amigos e compañeiros de traballo, e para, a continuación, explicar a súa traxectoria profesional, que comezou cando era unha nena de apenas seis anos, co apoio incondicional dos seus pais.

Os seus numerosos premios no campo da fotografía e unha enfermidade que a afectou no ano 2011, e que superou sen secuelas, a animaron a seguir adiante até o mes de xaneiro pasado, cando recibiu a nomeación do Goya.

Fotógrafa consumada de vodas (máis de mil), asegura entre numerosas anécdotas, que o que máis lle gusta é facer fotos de autor, foto fixa para documentais (con Rubén Riós e outros), e concertos, como os que fixo con Pablo Alborán, Fito, Hombres G, María do Ceu ou Herdeiros da Cruz. Entre os seus proxectos máis importantes figura un viaxe a un campo de refuxiados grego, no que pasará 12 días facendo fotos.