O Goberno municipal do Rosal retoma o programa #AVeciñanzaConta cunha reunión con todas as Comunidades de Montes do municipio.

A alcaldesa, Ánxela Fernández, a Concelleira de Agricultura e Montes, Sara Vicente, a Concelleira Sabela Rodríguez e o Concelleiro Germán Fernández mantiveron unha reunión con membros das diretivas das Comunidades de Montes do Concello: San Xoán de Tabagón, San Miguel de Tabagón, As Eiras e do Rosal.

Na mesma, cumpriuse o obxectivo de manter un contacto inicial e comezar a traballar conxuntamente xa en diversas propostas específicas.

“Este é un inicio dos Consellos Municipas dos que falabamos nas nosas propostas e programa. Pouco a pouco irémolos creando e materializando. A finalidade é traballar conxuntamente. As Comunidades de Montes fan unha labor fundamental na posta en valor e na xestión dun ben tan esencial e importante coma é o noso monte, que ten non só unha incidencia ambiental, senón tamén social e económica no noso Municipio. Hoxe xa concretamos pequenos retos, propostas, nas que traballar de xeito colaborativo. Cuestións concretas e factibles. Pouco a pouco irémolas desenvolvendo e realizando”, afirma a alcaldesa.

Dende o Concello queren agradecerlle a todas as Comunidades de Montes a súa participación e a boa disposición amosada.