Importante vitoria a colleitada na tarde de onte polo Gondomar CF, no estreo na categoría ante un dos favoritos para acadar o ascenso, o CCD Chaín. O partido tiña un condicionante especial, pois tamén supoñía o primeiro dos derbis nas Gaiandas, ante outro equipo do Concello, o que facía da cita unha xornada histórica que non se quixeron perder siareiros dos dous conxuntos.
O encontro comezou cos nosos moi ben plantados sobre o céspede, que en perfectas condicións permitiu unha moi boa práctica. A solvencia defensiva e o xogo posicional permitiron que o equipo se estirase e gozase de boas oportunidades para poder abrir o marcador. Estabamos sendo superiores e Carlos Díaz fixo xustiza aos quince minutos, ao rematar cun gran testarazo un balón parado establecendo o un a cero no luminoso.
O Chaín competía ben e cun xogo moi duro pronto chegaron as tarxetas. Os nosos seguían moi serios e Rafa Pérez ampliou diferenzas no marcador. A partires de ahí o noso rival veuse arriba e estirouse, merecendo máis premio do que colleitaron na primeira metade. Pese a iso, e cando mellor estaban os visitantes, Sergio Ramilo puxo o 3-0 co que se chegou ao tempo de lecer.
Despois de pasar por vestiarios, unha segunda xogada nun saque dende o curruncho levou ao equipo de Álex Cuesta a reurtar diferenzas e poñer o tres a un no marcador. Facíase mínima xustiza. Unha xogada fortuita levou a Brais Pazos a saír en ambulancia cara ó Concheiro, tras ter unha brecha na que lle puxeron cinco puntos e tras recibir unha dura entrada na tibia tamén. Os nosos eguiron pelexando e aguantando, pero o Chaín estaba mellor e Raúl achegou o 3-2 definitivo para os seus. Ben certo é que os nosos poideron á contra marcar o 4-1 ou o 4-2, en diferentes accións de Rafa, Mario ou Antón Cabado. Se ben o marcador non se movería e os tres puntos quedarían na casa. A próxima semana desplazámonos ao campo dun dos favoritos á liga, como é a UD Mos.