O vindeiro domingo, 1 de xullo, ás 20.30 horas, no Auditorio de Goián, o novo grupo de adultos da Escola Municipal de Teatro, porá en escena a obra “A lenda da cabaleira negra”. Trátase dunha peza de teatro para todos os públicos e foi creada polos propios alumnos e alumnas, a partir dunha lenda artúrica.

Esta é a primeira montaxe do grupo de persoas adultas, de recente creación, que conta cunha ducia de participantes na actualidade, homes e mulleres. O grupo vén ensaiando, da man da actriz Beatriz González Campo, dende o mes de decembro, todos os martes de 20.00 a 21.30, na Casa da Cultura de Tomiño.

“O obxectivo desta actuación é pasalo ben e poñer sobre as táboas as ferramentas adquiridas, ademais de compartir co público asistente o noso traballo”, explica a profesora.