A viceportavoz do Grupo Socialista, Leticia Gallego, denunciou hoxe que a Xunta está a “abandonar” aos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar nos orzamentos para o próximo ano. Gallego sinala que as contas para o próximo ano esquecen as principais demandas da cidadanía do Val Miñor, sinaladamente en materia de infraestruturas.
A responsable socialista visita esta tarde o Concello de Baiona, onde manterá un encontro co portavoz municipal do Grupo Socialista, Carlos Gómez, así como cos tenentes de alcalde dos gobernos locais de Gondomar e de Nigrán, Nuria Lameiro e Rubén Rial, que analizaron os Orzamentos da Xunta para os tres concellos e analizaron as posibles emendas do Grupo Socialista a estas contas.
Gallego reclamou a actualización da Etap de Baiona en cumprimento coa normativa europea, así como a execución da Fase II da Humanización de Sabarís. Criticou que os Orzamentos do próximo ano non van executar a reparación do depósito da ETAP de Condomínguez, no Concello de Nigrán, e lembrou que aínda está pendente a inspección de reparación da tubaxe de bombeo da Ebar de Praia América ata a Edar e o emisario submarino.
Reclamou ademais o proxecto de reparación e mellora da rúa Manuel Lemos e a rotonda da Ramallosa, así como a mellora da seguridade na rúa Pablo Iglesias e a separación de pluviais nas estradas autonómicas.
A parlamentaria socialista reclamou a incorporación da construción de beirarrúas e mellora da seguridade viaria, coa instalación de pasos seguros e semáforos na estrada PO-331 noa parroquia de Vincios, en Gondomar, así como a reforma integral da rotonda da Rúa Elduayen, na intersección das estradas autonómicas PO-331 e PO-340.