O Grupo Socialista de Tomiño, da man das deputadas e deputado Elena Espinosa, Paloma Castro e Carlos Font, reclaman a Xunta de Galicia ante a Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, as proposicións non de lei para a mellora da seguridade viaria na estrada PO-344 ao seu paso polo lugar de Barro, mediante a instalación de beirarrúas, unha iluminación adecuada e outros elementos que garantan unha circulación segura, tanto para vehículos como para peóns.
Tamén solicitan que se retome e se execute con carácter prioritario o proxecto de construción dunha rotonda na entrada a Santa María de Tebra, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria da zona, así como a mobilidade peonil e o acceso seguro aos servizos existentes.
Violeta de Santiago afirma que “o desenvolvemento e mantemento de infraestruturas públicas de calidade constitúe un alicerce esencial para o progreso económico, a cohesión territorial e o benestar da sociedade tomiñesa”, a voceira e concelleira socialista prosigue dicindo que “no caso de Tomiño, a mellora e modernización das estradas adquire unha relevancia estratéxica para garantir a igualdade de oportunidades, a mobilidade segura e o acceso aos servizos básicos por parte de todas as parroquias”.
Neste contexto, «cando falamos da estrada PO-344 falamos da segunda maior estrada do concello en canto a número de vehículos que a transita e que comunica Tomiño ca comarca do Val Miñor. É imprescindible prestar atención ás necesidades viarias e peonís do municipio, particularmente naqueles lugares onde a falta de infraestruturas adecuadas supón un risco para a seguridade das persoas», remata Violeta de Santiago.
