O candidato socialista e alcalde da Guarda, Antonio Lomba, insiste no desinterese do goberno galego en Baixo Miño. “Sabemos que Feijóo estivo aquí, na comarca, e a pesar de ter necesidades evidentes para o desenvolvemento económico e social non recibimos ningunha boa noticia”, lamenta Lomba.

Estes días, ante a veciñanza, o socialista falou da importancia que tería para mellorar a demografía o tramo de autovía Tui – A Guarda, unha infraestrutura clave que permitiría “chegar aos centros de traballo e a hospitais de xeito que a xente puidera asentarse aquí”.

Lomba critica o abandono por parte da Xunta doutras actuacións pendentes como son o acceso sur ao porto da Guarda ou unha nova Escola Infantil Municipal, da que o Concello xa ten os deberes feitos mentres espera a firmar o convenio coa Consellería de Educación.

Sobre todas estas infraestruturas refírese o alcalde ao falar do responsable popular local: “non temos noticias pese a que nós estes días pedímoslle que dese traslado das demandas da cidadanía á Xunta”.