orpagu
Premiados 2018

«O rescate de Xosé», un thriller ecolóxico escrito por Rodrigo Buján Fernández, de 11 anos e de Tui, foi o gañador nesta edición do concurso de relatos «Xosé Carlos Gómez Alfaro».

O certame literario que puxo en marcha fai catro anos a Organización de Palangreiros Guardeses, ORPAGU, en colaboración coa Editorial Galaxia, segue cumprindo o seu obxectivo de promocionar a literatura galega e o mundo da pesca, así como de iniciar aos máis pequenos no mundo das letras.

Nesta edición foron un total de 41 os relatos presentados por nenas e nenos de entre 10 e 12 anos da Guarda, Tomiño, O Rosal, Oia, Tui, Salvaterra e Santiago de Compostela. Todos eles demostraron unha gran imaxinación á hora de abordar a temática do certame, -os homes e mulleres do mar-, e non llo puxeron nada fácil aos membros do xurado, formado nesta ocasión polos escritores Raquel Castro, Manrique Fernández e Diego Giráldez.