A portavoz de Educación do Grupo Socialista, Noelia Otero, dixo hoxe que a xestión das obras de ampliación e mellora do IES Antón Alonso Ríos é “exemplo do desleixo” na xestión do Goberno galego. Otero presentou unha pregunta oral na Comisión de Educación para reclamarlle á Xunta que dea conta dunha actuación «comprometida para 2022 e que aínda non comezou».
A responsable socialista acusou á Xunta de “sacar da manda unha modificación no proxecto para seguir incumprindo con Tomiño” e cunha obra fundamental para un centro que queda «impracticable diante da chegada de decenas de novos alumnos cada ano». Esixiulle á Xunta que atenda ás necesidades da comunidade educativa e «constrúan o novo edificio anexo previsto, con 1.300 metros cadrados para darlle á vila unha solución educativa digna», indica.
Otero sinalou que esta obra, que tiña que ter comezado no ano 2022 e da que a finais de 2023 aínda non se sabe nada, é “a constatación de que incumpren os seus propios anuncios”, e puxo en cuestión o novo anuncio do Goberno galego de ter a infraestrutura rematada en 2025. Lembrou que o Goberno galego «leva anos adiando o seu compromiso, a última en resposta deste mesmo grupo Parlamentario, que preguntou en marzo e anunciaran o inicio das obras para finais de ano».
Advertiu que “o desleixo por parte da Xunta ten como consecuencia que o Instituto continúe a padecer un grave problema de espazos”, xa que aglutina nun único edificio o ensino de Secundaria, Bacharelato, ciclos formativos e FP.
Engadiu que a este Goberno “quédalle moito por facer, escoitar e priorizar” en canto servizos educativos, ata o punto de que ten que ser a Anpa Solleiro a que teña que organizar o sistema de préstamo de libros e de comedor para o alumnado. «Eles solos teñen que xestionar un milleiro de volumes do banco de libros co que colabora o Concello, diante da incomparecencia da Xunta, para axudar a 509 alumnos de ESO e Bacharelato, o 88% dos matriculados», remata.
