Antón Fraguas (TVG)

O vindeiro xoves, 23 de maio, ás 20:00 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas, o Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, en colaboración co concello de Gondomar, celebrará unha homenaxe a Antón Fraguas Fraguas, a quen se lle dedica este ano a data das Letras Galegas.

Camiño Noia Campos, catedrática emérita de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, ofrecerá unha charla sobre este narrador oral excepcional e intelectual con unha popularidade moi pouco común, que contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento.

O grupo Teatro do Ar, representará a obra Distintas Compañías inspirada en contos e lendas recollidas por Antón Fraguas. Acompañando á palabra e a escena, estará a actuación de Urbano Cabrera, cantautor galego de ampla traxectoria no mundo da música, comprometido coa potenciación do idioma galego, en toda clase de estilos, dende o folkata o blue.