Un ano máis o IEM lembrará aos nove veciños de Panxón e Baiona que foron asasinados o 15 de outubro de 1936 na estrada de Baiona a altura da Bombardeira, no lugar que dende aquela pasou a chamarse Volta dos Nove. Tamén lembrará aos irmáns López Luís, os Inesés de Sabarís e a Perfeuta, asasinados e enterrados no cemiterio civil de Sabarís.
O ano pasado o IEM adicou todo o mes de outubro as mulleres represaliadas e a memoria de tódalos familiares que sufriron as consecuencias dunha represión que as deixou sen homes, pais ou irmáns, e que sempre foron esquecidas nas páxinas que se escriben dunha historia mal contada e falsificada á mantenta para xustificar o inxustificable. Este ano, por imperativo legal, non se poden facer xuntanzas nen reunións de máis de dez persoas o que leva o IEM a organizar unha ofrenda floral nos dous cemiterios de Sabarís e Baiona, e a lectura por parte de dous familiares dun pequeno discurso .
A obriga de non xuntarse máis de dez persoas e a necesidade de ser cautelosos nas agrupación de xente de diversa procedencia e lugares, obríganos a contar exclusivamente con estes dous familiares e a xente do IEM que vai gravar o acto para que poida ser logo reproducido na páxina do IEM e nas redes para que poida ser visionado e escoitado por quen queira.
Agradecemos o apoio de todas as persoas que sempre colaboran con IEM lembrando estes feitos e a memoria das persoas e familias afectadas. Suxerimos que ao longo do día poidan ir pasando polos cemiterios e pola Volta dos Nove e fagan as súas ofrendas florais, e que espallen nas redes o vídeo do acto que colgaremos na nosa páxina.
Neste tempos difíciles temos que ir acostumandonos a novos xeitos de participar e celebrar actos que a pandemia non nos deixa facer como desexaríamos. Non esquecer e lembrar para dignificar e honrar as vítimas da represión sempre será unha tarefa que o IEM, dun xeito ou doutro, terá entre as súas actividades.