Alicia Benade

“Parte de ti” é unha campaña de apoio ao rural baseada nas historias das produtoras e produtores do rural levada a cabo pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural. Dentro desta campaña, Alicia Benade é unha das protagonistas, cuxa historia hai destacar pola celebración este xoves 15 do Día da Muller Rural.

Alicia, é unha emprendedora de 31 anos que estudou Administración e Dirección de Empresas e que posteriormente decidiu saír da súa zona de confort e voltar a súa casa, no rural, en Pexegueiro (Tui). Alí, animada pola súa avoa e farta de ver o avance do pan e das fariñas industriais, decide aproveitar as leiras que hai ao redor da casa familiar e comezar a cultivar trigo Callobre, unha variedade autóctona. Comezou plantando 1,5 hectáreas e este ano xa avanzou ata chegar ás 4,5 ha. É unha proposta de empresa de pequeno formato na que tamén está involucrado o seu irmán. Tal e como ela di, “sempre crin que podiamos facer moito con moi pouco e a esencia é volver á orixe”

A marca que comercializa a variedade de fariña que produce é TRIGO Y LIMPIO, un proxecto co que Alicia leva dous anos e co que conseguiu poñer en común a moitos veciños da zona que xa se activaron co cultivo. A esencia do proxecto é recuperar leiras abandonadas e darlle unha segunda oportunidade a través dun proxecto cunha nova conciencia social, coa contorna e comercial.

O trigo Callobre ten o valor de ser unha variedade menos produtiva. Ten as características dos trigos antigos, moita máis proteina e ao ser moído en pedra, ten un nivel nutricional superior.

Pódese seguir a historia de Alicia e a dos demáis produtores nas contas de Facebook e Instagram de Eurural (@eurural_gdr14) así como na súa web Parte de Ti.