Este venres, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Gondomar, o IEN presenta o documental de Greenpeace, “O lado oscuro do carbón”.
O carbón deixa un escuro rastro tras de si. A súa queima en centrais térmicas como as de Meirama e As Pontes xera inxentes emisións de CO2, converténdoo no principal causante do cambio climático e de graves problemas sociais e de saúde.
O documental «O lado escuro do carbón» (Título orixinal: El lado oscuro del carbón) fai unha recompilación dos impactos da súa extracción e combustión en diferentes localizacións do Estado.
As desgarradoras testemuñas de médicos, exmineiros, activistas e asociacións veciñais de zonas con centrais térmicas de carbón e zonas de extracción relatan todo o que agacha o carbón: destrución da contorna, contaminación, problemas sociais, doenzas graves…
Estas voces, case que sempre ignoradas e silenciadas, son as protagonistas dunha loita chea de dificultades pero tamén de esperanza.