IEM

Este luns, 8 de xullo ás 18:30 horas, presentaranse as Xeiras do IEM 2019 en colaboración cos concellos de Baiona, Nigrán, Gondomar e Tomiño nun acto que se celebrará na Capitanía Marítima de Baiona.

Son doce visitas guiadas e dirixidas por especialistas no tema da visita, de interese histórico, artístico, natural e paisaxístico, que se realizarán nos meses de xullo e agosto. Sete especialistas conducirán as xeiras e conferencias:  Anxo Rodríguez Lemos, Antonio Soliño Troncoso, Xosé Ramón García Martínez, Xilberte Manso de la Torre,  Xosé Lois Vilar Pedreira, Carlos Méixome Quinteiro e Eduardo Méndez Quintas.

Serán tres xeiras en Gondomar: Agua da Laxe: Unha nova lectura (conferencia e xeira), Camiño da Nosa Señora do Norte. De Gondomar a Vilaza e A vila do século XIX.

Tres en Nigrán: Paseo fluvial e toque de campás en Parada, Retallos de historia, etnografía e arquitectura e unha xeira nocturna polo mar de Panxón.

Tres xeiras en Baiona: Paisaxes imaxinadas dende o Monte Real de Baiona, Polos cumes da Groba.O hábitat do último cabalo salvaxe do mundo, unha xeira nocturna Polo mar de Baiona. Toponimia, talasonimia e naufraxios e tres conferencias neste concello Os primeiros tempos da Humanidade, Baiona 1936, Os tempos na Colexiata de Santa María de Baiona.

É por último tres xeiras en Tomiño: As pegadas na paisaxe. Ouro toponimia, mámoas e garranos, O monte Tetón. Avances na investigación (conferencia e visita) , O Camiño da Nosa Señora do Norte. Ollando cara a Tebra.

Para as dúas xeiras marítimas será necesaria inscrición previa e pago. Enviarase a información oportuna nos recordatorios de cada unha das xeiras.

A duración media das xeiras, que comezarán o próximo xoves 4 de xullo, é de 3:00 a 3:30 horas. Este ano, ao igual que o anterior, incorpóranse ás xeiras dúas persoas intérpretes en lingua de signos, favorecendo así a inclusión social de este colectivo e o seu achegamento ao patrimonio do Val Miñor e Baixo Miño.