O IES Auga da Laxe vai desenvolver desde esta semana en Gondomar a campaña de normalización lingüística “Aquí tamén se fala galego”, unha iniciativa que naceu no IES Rafael Dieste da Coruña e que se foi estendendo ata implicar alumnado de máis de 170 centros educativos de toda Galicia.
A campaña chega estes día a Gondomar da man do alumnado de 1º de Bacharelato do IES Auga da Laxe que, desde o mércores 31 de xaneiro, repartirá entre os establecementos comerciais uns carteis co lema “Aquí tamén se fala galego”, co obxectivo de que se coloquen nos escaparates para convidar a usar a nosa lingua nese ámbito e para visibilizar a súa presenza entre os veciños.
Un dos obxectivos da campaña é impulsar a implicación da xente nova nunha iniciativa de dinamización da lingua galega, tentando romper cos prexuízos que transmiten a idea dunha Galicia que non fala galego ou dunha escasa presenza do noso idioma no ámbito comercial.
A campaña chegará a todo tipo de establecementos comerciais, bares, salóns de beleza, librerías, tendas de moda, academias, talleres mecánicos, froiterías… e contará cunha proxección nas redes sociais, onde se divulgarán as imaxes dos comerciantes cos carteis.
Ademais da participación dos centros educativos, á campaña fóronse sumando os apoios de diferentes persoas con proxección social como Viggo Mortensen, James Rhodes ou as Tanxugueiras. Sumáronse tamén algúns dos principais clubs de fútbol de Galicia como o Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña, o Racing de Ferrol ou o CD Lugo.