A candidatura do PSdeG-PSOE da provincia ás eleccións do 18F esixiu en Gondomar á Xunta do PP que “dunha vez poña en marcha o proxecto para paliar as inundacións no casco urbano de Gondomar, que ano tras ano provocan graves danos na vila do Val Miñor en época de chuvias debido ás enchentes dos ríos Miñor e Zamáns». A número 1 da candidatura, Elena Espinosa, acompañada do candidato Carlos Font, número 2 da lista, ademais do alcalde Paco Ferreira e integrantes da Executiva local, visitaron as zonas do concello que de forma recorrente sofren esta situación “debido á falta de xestión, capacidade e vontade política do goberno galego do PP que leva 4 anos cun proxecto aprobado sen que comecen as obras”.
Espinosa lamentou que a Xunta “abandone a este concello simplemente por que non gañou a alcaldía, en comparación cos municipios onde goberna cos que asina convenio tras convenio”. A número 1 da candidatura esixiu á Xunta que solvente un “problema histórico en Gondomar e que deixe de buscar escusas culpando ao Concello cando ten os terreos a súa disposición e á empresa adxudicataria contratada para as obras. Que explique á veciñanza porque non acomete dunha vez o proxecto que, amais, esta financiado por fondos Feder nun 80%”, sinalou.
A candidata invitou á Xunta a dicir cal é o plan de infraestruturas que ten previsto sen interferir na calidade viaria que ten agora mesmo o Concello «e que se poña a traballar para dar resposta a unha necesidade urxente que segue sen ser solucionada despois de tantos anos co PP no goberno galego”
A candidatura do PSdeG-PSOE tamén esixiu á Xunta a paralización inmediata do canon da auga que no caso de 35 municipios galegos que teñen unha EDAR xestionada por Augas de Galicia como Gondomar, Nigrán ou Baiona entre outros, lles obriga a abonar unha taxa que, como explicou o alcalde de da vila Condal, Paco Ferreira, «vai levar a estes concellos a unha verdadeira quebra técnica”.
Este canon supón que cando chove as filtracións da rede de saneamento, “que tamén realizou mal a Xunta, van directamente á EDAR o que supón un incremento de caudal que Augas de Galicia factura aparte e cobra a cada Concello». Ferreira cualificou este canon “como un disparate e un atraco a man armada, que xa denunciou a Fegamp”, e puxo de exemplo o caso de Gondomar que no último ano recibiu unha liquidación de case medio millón de euros por este concepto. “É inasumible e vergoñento que, amais de todas as competencias impropias que asumimos os concellos, como o SAF, o CIM, os gastos en colexios, ou a dependencia, nos castiguen desta forma levándonos á ruína. Teñen que paralizar xa esta taxa. Que asuman as súas competencias en auga e que fagan os investimentos que teñen que facer”, rematou Ferreira.