Sodes todas un exemplo para nós de emprendemento, de desenvolvemento do medio rural, de resiliencia… O exemplo das mulleres que rachan ese teito de cristal da sociedade machista na que vivimos”. Con estas verbas, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, daba a benvida ás 15 emprendedoras que protagonizaron o III Foro da Muller Rural Galega, un lugar de encontro posto en marcha pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural para dar voz ao traballo de todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural traballando, vivindo e transformando o territorio.

Unhas xornadas que chegan á súa terceira edición con moito esforzo para “visibilizar ás nosas mulleres, un sitio para que todas nos recoñezamos e vexamos as marabillosas propostas que moitas veces están ocultas no rural”, explicou a presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González. “Hoxe volvemos poñer luz para descubrir historias de vida de mulleres, a súa capacidade de emprendemento e a importancia desa decisión de poñerlle ao rural cara de muller e sacar adiante este territorio”, resaltou.

Este acto busca tamén amosar as verdadeiras protagonistas da economía rural, xa que como recollía o manifesto co que se conmemora o Día Internacional da Muller Rural, en España máis de 8 millóns de mulleres viven e traballan en zonas rurais na agricultura, na gandería e na transformación agroalimentaria, pero tamén na artesanía, no turismo, na industria, na educación, no comercio…

Fernández Callís quixo agradecer a todas as mulleres participantes “o voso traballo con eses proxectos innovadores, apaixonados, sensibles e sobre todo o voso empuxe, a vosa loita por un rural no que cremos e no que é posible desenvolver as nosas vidas de xeito profesional”. “Seguiremos loitando con intelixencia, con compromiso, con decisión e sen medo para camiñar cara a un futuro próximo no rural no que as diferenzas de xénero non sexan nunca máis unha realidade, senón unha triste lembranza do pasado. Non queremos discriminación positiva, reclamamos a igualdade de oportunidades e que non se nos negue o que é noso por dereito”, salientou.

En total 15 mulleres emprendedoras deron a coñecer os seus 13 proxectos, iniciativas que demostran de novo que o rural ofrece moito máis que o sector primario. Así, nesta terceira edición compartiron as súas experiencias e visibilizaron as súas realidades Ana Álvarez, de Pescados Narcisa (A Guarda); Patricia Gómez, de Vouxers (Baiona), Teresa Covelo, da casa niño ‘Curuxa de Lúa’ (Fornelos de Montes); Carmen Soliño, de Muebles Soliño (Mos); Judit García, do centro de equitación ‘Llamas de Cea’ (Nigrán); a percebeira Josefa Mariño (Oia); Vanesa Casalmorto e Marisé Casalmorto, de Herboristería Dietsana (O Porriño); Ana Míguez, de ‘Héroes para la ciencia’ (Pazos de Borbén); Merchi Alonso e Anuska Couñago, de Florería AyM (Redondela); a arquitecta María Fandiño, do Rosal; Kinga Maculewicz, de Kinga Trainer (Tomiño); e Ana María Alonso, da tenda artesanal de artigos en pel Cabuxa, en Tui.

Eu Rural recolleu a experiencia de todas estas mulleres e dos seus proxectos de emprendemento rural en pezas audiovisuais que xa están dispoñibles na páxina web da asociación.

Emprender hai máis de 40 anos

Un ano máis, o Foro reservou un espazo especial para o recoñecemento de mulleres que foron, son e serán pezas fundamentais para o desenvolvemento do territorio. Este ano a homenaxe foi para a rosaleira Luisa Alonso, un exemplo de emprendemento feminino e de aposta polo rural. Hai máis de catro décadas puxo en marcha Exclusivas Alonso, un comercio dedicado ao mundo do agro “que viviu toda a transformación agraria no Rosal ata o día de hoxe e que tivo a capacidade de actualizarse e adaptarse aos tempos”.

Un negocio “de mulleres”, como ela mesma di, ao que lle deron o relevo xeracional as súas tres fillas e no que a propia Luisa segue a visitar a miúdo para seguir facendo algo que lle gusta: seguir en contacto coa clientela. Moi nerviosa, Luisa recibía da man da alcaldesa Ánxela Fernández Callís unha escultura da artista búlgara afincada en Tomiño Liliya Pobornikova.

Comezou vendendo sacos pequenos de penso e millo “cando non se vían negocios de mulleres” e pouco a pouco ela soa foi aprendendo un negocio que medrou ata ser un referente no Rosal. Por todo o feito, o foro quixo dar “as grazas ás nosas Luisas, as devanceiras as que lle debemos todo, grazas por construír todas xuntas o noso presente”.