CEDIDA

O pasado domingo, 24 de novembro, o Instituto de Estudos Agrarios de Tui realizou a conmemoración dos sucesos de Sobredo, no seu 97 Aniversario. Os actos desenvolvéronse, no propio lugar de Sobredo (Guillarei – Tui), a partir das 11:00 horas,  no Campo dos Mártires; lugar onde se ergue o Monumento na memoria de Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis (Tui), Xoaquín Estévez, de Soutelo e Venancio González de Salceda. «Os tres perderon a súa vida neste sitio un 28 de novembro do ano 1922, baixo os tiros da Garda Civil, cando se opoñían ao embargo de bens a un veciño que non pagara rendas de foros«, sinalan dende o Instituto.

«Os sucesos de Sobredo, cunha destacada repercusión en toda Galiza, simbolizan dende entón o acto solidario de loita contra a inxustiza e a explotación da sociedade labrega da época», subliñan.

Neste aniversario dirixiuse ao público Carlos Babío Urkidi; investigador e co-autor do libro «Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio»; quen na súa intervención salientou que a recuperación de Sobredo acada unha dimensión, que vai mais alá do sucedido neste
lugar; «xa que recolle o significado e a memoria de labregas e labregos que morreron cando loitaban pola mellora dos medios de vida e a reivindicación da plena propiedade da terra».

Recordou nese contexto a loita agraria de Meirás, nos anos 30; na que unha das vítimas foi o seu propio avó; «un conflito que derivou nos anos a seguir, co golpe de estado de 1936, en represión aos lideres sociais que afrontaran a loita pola xustiza social e en contra os que
cobraban rendas agrarias», sinalou, «a relevancia de actos como o de Sobredo para recuperar a memoria colectiva das reivindicacións sociais, en momentos como o presente».

Asistiron ao acto representacións de entidades veciñais do Baixo Miño, O Condado, Val Miñor e Vigo; así mesmo, concorreron a Alcaldesa de Entidade Local Menor de Camposancos; a Alcaldesa do Concello de Salceda de Caselas; o Alcalde de Tui; e concelleiras e concelleiros de municipios da zona.

O Acto de conmemoración concluíu cunha ofrenda floral no Monumento aos Mártires; unha obra da autoría do escultor Camilo Nogueira, erguida no ano 1932, no décimo aniversario; derrubado no mes de xullo de 1936 e reconstruído en 1988, por iniciativa de entidades veciñais (Asociacións de Veciños, Comunidades de Montes, Culturais; etc.), pasados mais de cincuenta anos do seu derrube; ao ritmo da Antiga marcha do Reino, interpretada polo Grupo de Gaitas “Folieiros”; que así mesmo, tocou o Himno de Galiza.