Monasterio de Oia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá a guía “Mosteiros das Rías Baixas” e as novas visitas virtuais a estes recintos históricos, un novo produto turístico que constitúe a primeira acción deste ano de “Fame de Experiencias”.

A Deputación de Pontevedra vén de publicar a nova guía “Mosteiros das Rías Baixas”, cunha tirada de 2.000 exemplares en galego, castelán e inglés, que se complementa coas novas visitas virtuais con gafas VR (realidade virtual) tamén aos mosteiros da provincia.

Na guía “Mosteiros das Rías Baixas” recóllese información sobre a historia, estrutura de construción, modo de vida, oficios, lendas e actividade económica dos seis conxuntos relixiosos máis importantes da provincia: Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro en Silleda, de finais do século X; Mosteiro de Santa María de Aciveiro en Forcarei, de 1135; Mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis, de mediados do século XII; Mosteiro de San Xoán de Poio, do ano 942; Mosteiro De San Salvador ou San Benito de Lérez, en Pontevedra, de finais do século X e Mosteiro de Santa María de Oia, principios do século X.

A guía, que se cederá en préstamo nos mosteiros e se poderá adquirir no Castelo de Soutomaior ou a través da plataforma de venda online Castelo de Soutomaior, presenta lendas como as da Ponte do Demo do Mosteiro de Carboeiro, Ero de Armenteira ou o oso de Oseira e historias como as loitas contra a piratería no mosteiro de Oia, as neveiras do Candán, o aceite milagreiro de San Benitiño ou as recollidas na biblioteca do Mosteiro de Poio.

Xunto á guía “Mosteiros das Rías Baixas”, o goberno de Carmela Silva tamén vén de poñer en marcha unha visita virtual que se pode realizar a través da web Turismo Rías Baixas co apoio dunhas gafas de VR. As gafas estarán a disposición da cidadanía, de xeito totalmente gratuíto, nas oficinas do Palacete, do aeroporto de Peinador, do Mosteiro de Armenteira e tamén dos Mosteiros de Carboeiro, Aciveiro, Poio, San Benitiño e Oia.

Para a visita virtual “o único necesario –asegurou a presidenta- é un teléfono móbil, co que descargar un código QR ou ben visitar a web Turismo Rías Baixas, seleccionar o modo VR e introducir o móbil nas gafas.