O MUMI contará a partir desta edición cunha nova actividade dirixida á promoción e venda física de producións editoriais e discográficas da industria galega e portuguesa, dentro do apartado bautizado como Espazo Loja, e concibido como un Encontro de Editoras Musicais. O Espazo Loja estará funcionando o sábado 23 de setembro no Hall do Teatro Municipal de Tui, en horario de 11.00h a 14.00h e de 17.00h a 21.30h, e acollerá os catálogos da portuguesa Tradisom, e das galegas aCentral Folque e Através Editora.

Presentación dunha novela gráfica sobre Zeca Afonso

Pola tarde, ás 17.30h presentarase neste espazo a novela gráfica Zeca Afonso. A Balada do Desterro, da ilustradora portuguesa Maria João Worme a escritora galega Teresa Moure. A novela está editada conxuntamente por aCentral Folque e Tradisom, e mostra ao Zeca Afonso visto, décadas despois, por dúas mulleres.

Ambas senten fascinación por aquel home que cantaba causas políticas. Pero, entre palabras e siluetas, ambas tecen unha rede para sustentar un Zeca máis íntimo do que habitualmente os seus camaradas lembran. Porque, ás veces, os grandes nomes da Historia aparecen no momento correcto e nas circunstancias propicias para seren considerados símbolos, mesmo ao seu pesar. Porén, antes de se tornar o cantante famoso que deu voz á Revolución dos Cravos, o Zeca tamén foi un meniño que creceu en terras africanas, un home que se impregnou nas súas viaxes das cores de moitas terras. Nun concerto na Galiza, onde foi venerado, conversa coa súa amiga Begónia Moa e comeza a desvelar algúns segredos.

As súas preocupacións mostran que está feito de carne humana; carne vulnerábel que palpita e dubida, que vibra ao contacto con outras peles e despois teme telas magoado, que persegue dar un sentido á vida. Tamén á morte. Esta novela gráfica de 192 páxinas a cor marca o debut da escritora Teresa Moure como guionista de banda deseñada. A autora estará en Tui presentando o libro canda a Ramón Pinheiro (aCentral Folque) e José Moças (Tradisom).

aCentral Folque

É unha produtora musical con máis de 20 anos de experiencia asentada en Santiago de Compostela. Fiel ás súas motivacións fundacionais, e co obxectivo de promover o aproveitamento da música galega de transmisión oral para a creación contemporánea (jazz, canción de autora, electrónica, música académica contemporánea, arte sonora, performance…), continúa coa súa actividade docente, editorial e de produción e difusión cultural. Entre as distincións recibidas pola súa traxectoria no desenvolvemento deste tipo de proxectos atópanse Premio de Cultura de Galicia concedido pola Xunta de Galicia en 2020, a distinción de Boa práctica de xestión cultural en Galicia da Asociación galega de profesionais da xestión cultural e a Deputación da Coruña en 2019, o Premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade da Deputación da Coruña por Juana Docencia en 2018, o premio internacional Cubadisco por Miniaturas de Eugenio Granell en 2013 ou a concesión da gaita de prata concedida polo Ateneo Ferrolán en 2005. Como editora especializada leva publicados máis de 40 títulos onde a fotografía, a literatura, o patrimonio ou a música son eixos fundamentais. A colección Chave Mestra foi distinguida en 2022 co premio Follas Novas do libro galego á mellor iniciativa editorial outorgado pola Asociación Galega de Editoras, A Federación de Librerías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Através Editora

É a chancela editorial da Associaçom Galega da Língua (AGAL), que tem a misión de crear un catálogo de obra producida na Galiza que contribúa a coñecernos mellor como sociedade, a coñecermos mellor a nosa lingua, e a divulgar obra literaria que forneza valor engadido. A escolla de Através é publicar en galego internacional. O propio nome da editora indica unha vontade de ir mais alá das fronteiras políticas, e moitas vezes mentais, que separan a Galiza do resto da Lusofonía, apostando por unha aproximación da Galiza e os países de expresión portuguesa como demostración da vía reintegracionista como unha vía válida para marcar um patrón galego actual e útil que permita profundizar nun verdadeiro proceso de normalización lingüística.

Tradisom

Foi creada para captar e divulgar as tradições musicais portuguesas, non só en Portugal, senón tamén nos lugares onde a presenza e as influencias musicais dos portugueses se fan sentir. Coas súas edicións tenta mostrar esas formas distinguidas de mutuo relacionamento musical, tendo como criterio fundamental a preservación de certas formas de expresión auténticas, coa preocupación permanente de acompañar as gravacións con detalladas explicacións de carácter científico. A editora portuguesa ten tamén un importante papel na recuperación de todo o tipo de material fonográfico (e non só) acumulado en arquivos e coleccións particulares, susceptíbel de ser editado. Proxectos únicos como ‘A viaxe dos tempos’ con gravacións realizadas en Goa, Damão, Diu, Cochim, Korlai (India), Sri lanka, Malaca, Sumatra, Macau, Timor Leste, Mozambique, Sao Tomé, Cabo Verde e Brasil, ou a edición da filmografía completa de Michel Giacometti  ‘Povo que canta’en parceria coa RTP e o xornal Público, que restituíu ao pobo portugués un patrimonio de inestimábel valor cultural. Como denominador común a todas as edicións o rigor científico e a estética que transforman as edicións da Tradisom en obxectos de colección, algúns deles xa esgotados.