Os concellos da Mancomunidade do Baixo Miño (Tomiño, Tui, O Rosal e A Guarda) acordaron presentar unha alegación conxunta ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada, que neste momentos atópase en trámite de audiencia.

A alegación da mancomunidade do Baixo Miño presidida por Ánxela Fernández, recolle varios puntos que afectan ao servizo público de transporte e que podería supor un deteriodo na calidade do mesmo. «O proxecto autonómico pretende reducir a frecuencia horaria dos autobuses que circulan de mañá desaparecendo o servizo no horario de 9:30 á 12:00 horas co cal a comarca queda sen transporte público nesa franxa da mañá«, sinalan dende a Mancomunidade.

No que se refire aos prezos, o feito de non estar na Área Metropolitana de Vigo implica unha situación de desigualdade cos veciños doutras comarcas como Val Miñor, Morrazo ou Condado que pagan a metade polo seu billete. Por outra parte, indican, «non se resolve axeitadamente a problemática existente na conexión coa área sanitaria (Hospital Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro) e coa Universidade de Vigo».

Tampouco, se ten en conta de cara ao futuro o desenvolvemento que está a experimentar a liña ferroviaria portuguesa, non prevendo ningunha conexión do transporte público galego con liña de tren de Portugal, «que nos permitirán combinar estes dous servizos públicos».

«Así mesmo, o prego de condicións pode prexudicar ás pequenas empresas da comarca ao valorar que sexan necesarios autobuses de grandes dimensións, que neste momento non existen (autobuses de máis de 50 prazas) e que non parecen necesarios para a demanda da comarca, onde o transporte nunca vai ao límite da súa ocupación«, explican.

A Mancomunidade lamenta que non se aproveita esta oportunidade que apostar polo servizo público, xa que se se precariza, terá menos viaxeiros e resultará menos rentable, sendo un círculo vicioso que non favorece o transporte público, unha solución de mobilidade que Europa recomenda como menos contaminante, máis rendible e con futuro.

A mancomunidade, ademáis de presentar a alegación conxunta, solicitará un encontro coa Dirección Xeral de Mobilidade co fin de trasladar de primeira man esta situación que supón un prexuízo dos veciños da comarca.