Dende hai unhas semanas estase a redactar o Plan de Mobilidade Sustentable, PMUS, do Concello de Tui por parte da empresa Eptisa, adxudicataria dos traballos.
Na primeira fase destes traballos estase a realizar a recollida de datos e análise do territorio. Como parte desta recollida de datos vense de publicar na web municipal unha enquisa on line dirixida á poboación tudense para coñecer a súa percepción da mobilidade no municipio. Trátase dunha enquisa anónima, na que se plantexan 35 preguntas sobre puntos coma qué considera máis importante para mellorar a mobilidade de Tui elixindo entre a calidade do transporte público, as beirarrúas e zonas peonís, para uso e desfrute do/a cidadán/á, a seguridade e accesibilidade peonil, a mobilidade ciclista, a calidade do aire e o nivel de ruído e a circulación do vehículo privado.
Tamén na enquisa se interesan sobre cales considera a cidadanía que son as dificultades máis importantes para o tránsito peonil, para a circulación de coches, bicicletas ou autobuses.
Outra das cuestións que se plantexan é sobre o número e destino das viaxes que se realizan diariamente, o medio de transporte que se emprega e cal se considera que debería ser potenciado, e o tempo da viaxe e distancia percorrida. Outras cuestións interésanse sobre o uso do transporte público interurbano, os itinerarios peonís ou o uso da bicicleta. A enquisa plantexa outras cuestións sobre os problemas para aparcar, disponibilidade para compartir medio de transporte, ou a disposición para adquirir ou alugar vehículos con motor eléctrico para os desprazamentos.
Dende o Concello de Tui anímase a poboación, tanto co centro urbano coma das parroquias, a realizar esta enquisa para contar así co maior número de datos posible neste estudo.
De forma paralela técnicos da empresa están a realizar tamén traballo de campo e a recompilación de datos sobre o municipio.
A redacción do PMUS suporá un investimento de 13.000 euros financiados pola Deputación de Pontevedra.
O documento definitivo, que será presentado, en outubro, será a folla de ruta para mellorar a mobilidade na cidade, dando prioridade ós peóns e transporte público ou eléctricos sobre os vehículos privados, reducindo así o gasto enerxético o e impacto medioambiental.