ALFREDO

O Grupo Municipal do BNG na Guarda convoca á Comisión de Seguimento do pacto de goberno no concello guardés a raíz «dos graves feitos ocorridos nos últimos días e tras as manifestas inxerencias por parte do alcalde do municipio (PSOE), Antonio Lomba, en áreas de responsabilidade e competencia exclusiva do BNG», explican dende a formación nacionalista.

O portavoz nacionalista e tenente de alcalde da Guarda, Anxo Baz, recalca “a irresponsabilidade dos socialistas, incapaces de liderar un goberno forte co que mudar e mellorar A Guarda e que prefiren a imposición en lugar do consenso a pesar de que supoña un prexuízo evidente para a veciñanza”.

«Actitudes», sinala Baz, «como a decisión unilateral do alcalde da Guarda de cambiar a sinalización e colocar prismas de pedra e mobiliario urbano na rúa Concepción Arenal, contradicindo e condicionando gravemente o deseño realizado pola concellería de Mobilidade e Modelo Urbano, van claramente en detrimento da cidadanía. Están xogando co futuro da Guarda e poñendo en perigo a estabilidade do concello, deixando no aire cuestións tan importantes como os orzamentos municipais”.

«O Grupo Municipal do BNG non chegou a acordo de goberno na Guarda para continuar con políticas atrasadas, senón para traballar polo futuro da vila», afirman os nacionalista e finalizan decindo que «O BNG convoca esta reunión da Comisión de Seguimento porque síntese na obriga de traballar a prol dos guardeses e non estamos atados ás cadeiras do Goberno nin aos salarios.