Coral Polifónica de Tomiño

O Concello de Tomiño continúa este domingo coa súa axenda cultural de outono, con dúas propostas ben diferentes e igualmente atractivas: teatro familiar e música polifónica.

Ás 17.00 horas, a compañía Baobab Teatro chegará ao primeiro andar do Mercado Municipal, con “Contos con Roque”; un espectáculo de contos de interior para toda a familia (recomendada para nenos e nenas a partir de 1 ano).

Con dirección de Óscar Ferreira e Andrea Bayer, esta última axudará a Roque, un simpático personaxe, a relaxarse durante unha viaxe en tren que durará uns 45 minutos. É a primeira vez que Roque vai viaxar en tren e está moi nervioso. Andrea encherá a súa maleta de contos e de outros obxectos para subirse con el e tentar facerlle a viaxe máis agradable.

O Auditorio Municipal de Goián, pola súa banda, acollerá tamén o domingo, ás 19.00 horas, o tradicional Concerto de Outono da Coral Polifónica de Tomiño. En primeiro lugar actuará, coma convidada a Coral Polifónica Marusía, de Bueu, seguida da de Vila Nova de Cerveira, e pechará o concerto a de Tomiño, baixo a dirección de David González.

O programa escollido para a ocasión é o seguinte:

  • “Veli vai”, de Rey Rivero.
  • “Aleluya-Leonard Cohen”, con letra de Il Divo.
  • “Canción Húngara”, de José Serrano.
  • “Enguedellos”, de Rey Rivero.
  • “Mi gran noche-Raphael, con arreglos de Juan Costa.