ALFREDO // Un Food Trucks en A Ramallosa

O Paseo Fluvial de Tui acolle dende mañá venres, 27 de setembro, ata este domingo, 29 de setembro, o I Tui Beer Fest, o Festival da Cervexa Artesá e Foodtruck organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns coa colaboración do Concello de Tui. Este evento foi presentado esta mañá na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, pola concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e polo presidente da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns, Esteban Loureiro.

Con este evento os organizadores buscan dar a coñecer a cervexa elaborada de xeito artesanal ao tempo que profundar na cultura desta bebida. No Tui Beer Fest combinarase este produto coa gastronomía e unha ampla programación paralela.

Enrique Cabaleiro, o alcalde de Tui, indicou que na programación que se realiza en Tui faltaba un evento deste tipo, non baseado no consumo, senón na cultura da cervexa de fabricación artesá. Un festival que atopa en Tui, dicía o rexedor, a situación idónea por ser un enclave natural e patrimonial, e por ser unha cidade punteira en Turismo, e porta de entrada do Camiño Portugués de Santiago.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destacou o emprazamento onde se vai celebrar esta festa, o Paseo Fluvial, que brindará un espazo axeitado para o seu desenvolvemento, cunha ampla zona de lecer e onde se poderá disfrutar tanto da paisaxe coma da cervexa.

Esteban Lourido, o presidente da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns, salientou na súa intervención a importancia que ten para os cervexeiros artesáns este tipo de eventos que lles permite a venda directa dos seus produtos e ao tempo son a plataforma perfecta para dalos a coñecer. Indicou tamén que dende a Asociación, que organiza este tipo de festivais, é importante achegarse ata Tui pola súa poboación e situación estratéxica. O desta fin de semana explicaba que será un evento de carácter familiar onde se maridará a cervexa con gastronomía, música, actividades infantís… Entre as cervexas que se poderán degustar indicou que haberá cervexa con castaña, con mel, con chile ou con licor café.

Durante estes tres días nos postos situados no Paseo Fluvial poderanse degustar, dende 2€, preto de 50 tipos de cervexa artesás elaboradas por Menduíña de Cangas, Skynet de Ourense, The One Beer de Madrid/Sanxenxo, Castreña de Ponferrada, O Corvo de Vila Nova de Arousa, Go! de Madrid e Belecker de León. As food trucks participantes ofrecerán hamburguesas, comida alemá e mexicana e filloas.

Entre as actividades previstas haberá un espazo dedicado a xogos populares de madeira coma a ra, a pica, o peixe, a chave, o aro… e tamén están previstos distintos obradoiros infantís. A música estará presente na sesión “Beer-Mú” e cos concertos que ofrecerán os grupos Losto Kinski, Esquecidos e Los Pontiaks. Na xornada do domingo elixirase a mellor cervexa, a mellor etiqueta e o mellor food truck presente no festival.

Programación I Tui Beer Fest

Venres

  • Ás 18.00 h inauguración do festival
  • Ás 18.30 h Apertura da zona de xogos populares
  • Ás 19.00 h Actuación dun dj
  • Ás 21.00 h Concerto do grupo Losto Kinski
  • Ás 00.00 h Peche

Sábado

  • Ás 12.00 h Apertura dos postos
  • ÁS 12.30 h Apertura da zona de xogos populares
  • Ás 13.00 h Sesión “Beer-Mú”
  • Ás 19.00 h Obradoiro para nenos e nenas “Pintacaras”
  • Ás 22.00 h Concerto do grupo tudense Esquecidos
  • Ás 01.00 h Peche do festival

Domingo

  • Ás 12.00 h Apertura dos postos
  • ÁS 12.30 h Apertura da zona de xogos populares
  • Ás 13.30 h Sesión “Beer-Mú” co grupo Rona
  • Ás 20.30 h Concerto do grupo Los Pontiaks
  • Ás 22.30 h Concurso á mellor etiqueta do festival
  • Ás 22.35 h Concurso á mellor cervexa do festival
  • Ás 22.40 h Concurso á mellor food truck do festival
  • Ás 23.00 h Entrega de premios aos cervexeiros
  • Ás 23.00 h Clausura do festival